O percorrido, de dificultade media-alta, será duns 30 quilómetros e 1.200 metros de desnivel acumulado, e permitirá desfrutar de 4 circuítos que levan tempo acondicionando os integrantes do club
A cita deportiva foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés e o edil de Deportes, David Rodríguez, e polos membros do club organizador, David e Víctor Riera na contorna da piscina municipal, que será o punto de saída e a meta da proba.
A carreira, de dificultade media-alta, será duns 30 quilómetros, e 1.200 metros de desnivel acumulado e permitirá desfrutar de 4 tramos acondicionados polos membros do Club durante os últimos meses con moito traballo e esforzo para que os amantes do enduro poidan gozar da competición ao máximo.
A alcaldesa e o concelleiro quixeron agradecerlles unha vez máis aos integrantes do club o seu traballo “eles son a alma mater dunha competición que ano tras ano demostra ser un verdadeiro reflexo do esforzo, a dedicación e a paixón que teñen por este deporte; porque non só participan activamente na ruta, senón que son os responsables do seu acondicionamento e do deseño do trazado, cun respecto absoluto pola contorna que nos rodea”.
Esta compeción é moito máis que unha proba deportiva –engadiron- “é ademais un atractivo para que os amantes deste deporte tamén poidan descubrir os atractivos do noso concello sobre as dúas rodas”.
A saída está prevista para as 9:30 horas na Piscina de Lieiro. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web www.fgalegaciclismo.es, e atopar máis información na páxina de facebook Club Medela Mtb.