Javier Castiñeira recoméndalle ao alcalde, que se quere facer política en materia de vivenda, “facer as xestións oportunas co Goberno de Pedro Sánchez para que o Estado lle ceda ao Concello os solares do Sareb para promover neles vivendas sociais”
O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, lamenta que “o anuncio de Cajoto parécese máis a unha copla do entroido ou do ‘touporroutou’ que ao anuncio dun rexedor sobre políticas de vivenda, algo co que non se debe xogar dado que é un dos maiores problemas cos que se atopa a xente no noso país”. “Polo tanto, o que debería facer é pedirlles perdón a eses veciños por tardar meses en concederlles as licencias para facer as súas casas cos seus propios cartos”, continúa Castiñeira.
Javier Castiñeira recoméndalle ao alcalde, como xa fixo fai meses, que se quere facer política en materia de vivenda, “facer as xestións oportunas co Goberno de Pedro Sánchez para que o Estado lle ceda ao Concello os solares do Sareb para promover neles, por exemplo co Instituto Galego da Vivenda e Solo, vivendas sociais para xente moza”.
Polo tanto, os populares reclaman ao goberno socialista de Foz menos anuncios ‘inútiles’ e sen interese ningún e máis xestión e política de altura para que os veciños teñan posibilidades de ter unha vivenda digna e, así, desenvolver os seus proxectos de vida en Foz.