O programa municipal dará comezo o sábado 1 de marzo e prolongarase ata o martes 4
Cariño, 19 de febreiro, 2025. O Concello de Cariño presentou a programación especial municipal para celebrar o Entroido, que neste 2025 recolle diversas actividades e o tradicional desfile, con máis de 3.400 euros en premios aos mellores disfraces. O programa municipal dará comezo o sábado 1 de marzo e prolongarase ata o martes 4.
Desta maneira, o Entroido de Cariño volverá ser, un ano máis, referencia na comarca de Ortegal. O executivo local dirixido por Ana María López desenvolveu un amplo programa para o goce de adultos e nenos, con catro días de festa que darán comezo o sábado 1 de marzo con tres actividades diferentes. De 17:00 a 20:00 haberá animación infantil con inchables na carpa de Praza Roxa, onde tamén haberá xogos xigantes de madeira. A partir das 21:00 horas dará comezo a charanga de Brassica Rapa ‘Ghrelo power’, unha das poucas formadas exclusivamente por mulleres, con máis música a partir das 00:30 horas con Dream Team Cinema e a Disco Móbil Chocolate.
O domingo 2 de marzo será o gran desfile a partir das 18:00 horas. A saída está programada desde o Polideportivo Municipal e será amenizado pola Batería do Cariño. Terminará coa entrega de premios na carpa da Praza Roxa, na que actuará DJ Pana e haberá unha venda de produtos de Entroido para recadar fondos para a excursión de fin de curso do alumnado de 4º da ESO.
En total, o Concello de Cariño repartirá 3.495 euros en premios, xa que o concurso de disfraces ofrece múltiples categorías: comparsas, grupos de adultos (tres ou máis persoas), adultos individuais ou parellas, grupos infantís (tres ou máis) e parellas ou individual infantil. A inscrición para participar no certame finaliza o luns 24 de febreiro ás 14:00 horas. As bases están dispoñibles na web do Concello de Cariño (concellodecarino.gal).
Despois do gran desfile, a festa retomarase o luns 3 de marzo, con máis animación para os máis pequenos. De 17:00 a 20:00 horas volverá haber inchables e obradoiros na carpa da Praza Roxa, con máis actuacións musicais. A primeira será ás 21:00 horas, coa charanga Vos Bregadiers, e posteriormente actuará o DJ Miguel GZ, que amenizará a festa a partir das 1:00 horas.
E xa para finalizar, o martes 4 de marzo poñerase o punto e final ao Entroido cariñés cunha última sesión de animación infantil con inchables na Praza Roxa, con horario de 17:00 a 20:00 horas.
“Hemos decidido optar por una programación amplia y pensada para adultos y jóvenes, para que puedan disfrutar todos los vecinos y vecinas, así como para tratar de captar gente de nuestro entorno. Pensamos que la propuesta es atractiva y que el Entroido cariñés puede atraer a muchos visitantes, ya que es uno de los eventos de referencia en la comarca y en la provincia”, apunta a rexedora, Ana María López.