A comida servirase baixo unha carpa no campo da festa. O cocido preparado coa carne de Porco Celta estará acompañado de verduras de produtores locais. Tamén haberá postos de venda ao público nos que se ofrecerán alimentos con certificados de calidade presentes na elaboración do menú, como o selo 100% Raza Autóctona Porco Celta; as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) Grelos de Galicia e Mel de Galicia; as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de queixos do Cebreiro e Arzúa-Ulloa; así como os viños da DOP Ribeira Sacra.
Arias felicitou aos organizadores pola iniciativa, coa que “fortalecen os lazos veciñais” ao tempo que “axudan a promocionar os produtos de calidade galegos e poñen en valor o comercio de proximidade”.