
De Carmiña a Dona Carme IG – 1
Burela, 25 de febreiro de 2025. O Concello de Burela organiza este venres 28 de febreiro, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos, a presentación do artigo “De Carmiña a Dona Carme”. Unha peza elaborada pola cronista oficial de Burela, Herminia Pernas Oroza, para a revista galega do ensino, Eduga.
O texto recolle a traxectoria de Dona Carme Iravedra Otero, figura clave no desenvolvemento educativo e social da vila no século XX.
No acto estarán presentes a alcaldesa de Burela, Carmela López; o concelleiro de Educación e tenente de alcaldesa, Mario Pillado; a autora do artigo, Herminia Pernas Oroza; a filla da homenaxeada, Águeda Barcia Iravedra, Juan A. Granados Loureda, inspector de educación e director da revista Eduga e Rira Gradaille Pernas, Doutora en Ciencias da Educación pola USC.
Este evento pecha así os actos conmemorativos do Centenario das Escolas Vellas, que se viñeron celebrando nos últimos meses en Burela. Como parte da clausura, descubrirase un panel conmemorativo, en homenaxe ás persoas que fixeron posible a súa creación.
A alcaldesa Carmela López destacou que “este centenario foi unha oportunidade para recoñecer e celebrar a nosa rica herdanza educativa”. “Queremos darlles as grazas a todas as entidades e persoas que participaron nos actos conmemorativos, enriquecendo a nosa comunidade coa súa dedicación e esforzo”, engadiu.
Pola súa banda, o tenente da alcaldesa, Mario Pillado, asegurou que “dende as áreas de Inmigración e Educación é un orgullo clausurar o centenario desta maneira, cunha homenaxe, por un lado, a tódalas persoas migrantes que contribuíron e contribúen ó desenvolvemento tanto nas sociedades de orixe como de acollida, caso da creación das Escolas Vellas, como por outro lado a unha persoa que foi fundamental no ámbito do ensino na vila de Burela durante o século XX”.
Ademais, Pillado agradeceu a Herminia Pernas “polo seu continuo traballo e en concreto, a redacción deste artigo, así coma ó director da revista Eduga por darlle cabida e como non a Águeda Barcia por continuar o legado da súa nai, Dona Carme”, concluíu.