O 7 de marzo á 13:00 terá lugar na Praza do Concello a lectura do manifesto institucional, que virá seguida de obradoiros e dunha proxección
Burela, 26 de febreiro de 2025. O Concello de Burela conmemorará o 8M, Día da Muller, con diferentes actividades que comezarán o día 7 de marzo, venres.
Ese día terá lugar ás 13:00 horas na praza do Concello a lectura do manifesto institucional por esta data. Tamén será a proxección do filme galego ‘O Corno’ ás 20:30 na Casa da Cultura.
Así mesmo, o 7 de marzo comezarán os obradoiros “Solo pelviano” na Praza de Abastos de 10:00 a 12:30. A cita repetirase o 10 de marzo de 17:00 a 19:30. En ambos casos o taller estará impartido pola fisioterapeuta especialista en pelviperineoloxía Lara Bello.
Ao día seguinte , o 11 de marzo, será o obradoiro “Coñece a túa peri/menopausia” de 18:00 a 20:00 no salón de conferencias. Impartirá María González Cociña, directora do centro M.
Ambos talleres serán de balde para mulleres. Será necesario inscribirse previamente no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Burela, na Casa do Concello, en horario de mañá (8h-15h).
“O 8M é unha data para reivindicar, pero tamén para escoitar, reflexionar e seguir avanzando”, sinala a alcaldesa de Burela, Carmela López.
“En Burela traballamos cada día para que todas as mulleres se sintan escoitadas, valoradas e con acceso aos recursos que lles permitan vivir con dignidade e igualdade”, engadiu a rexedora. “O noso compromiso é firme e seguirá sendo a nosa guía”, concluíu.
Pola súa banda, Sandra Fernández, concelleira de Igualdade, apuntou que con estas actividades buscan “crear un lugar de encontro onde as mulleres poidan compartir experiencias sen prexuízos”.
“Este ano, con motivo do 8M, quixemos poñer o foco na saúde feminina para romper tabús e promover que todas as mulleres teñan acceso á información necesaria para coidar do seu benestar”, indicou Fernández.
“Con estas actividades queremos animar a todas a participar a informarse e coidarse, que tamén é un acto de empoderamento, para seguir avanzando cara unha sociedade máis igualitaria”, rematou.