Burela, 14 de febreiro, 2025. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela aproveitou o “Día dos Namorados” para presentar o seu documental “O valor da Pesca en Burela”, unha acción divulgativa que se engloba dentro das súas campañas de “Amor ao Mar”, motivo polo que se elixiu esta data para a presentación.
Este documental realizouse co obxectivo de comunicar e divulgar os aspectos positivos do sector, centrándose no impacto do sector pesqueiro na economía local, no emprego, na integración social e cultural, co fin de impulsar os oficios do mar, moi vinculados á historia de Burela e que poden ser unha opción de futuro para moita xente, o que axudaría a garantir o relevo xeracional dun sector cunha enorme importancia económica.
No vídeo participan unhas 50 persoas entre armadores, mariñeiros de diferentes nacionalidades, traballadores de ABSA e representantes doutros sectores e empresas vinculadas coa pesca e que representan a toda a cadea de valor.
O documental ten unha duración de 50 minutos e divídese en 12 bloques: o valor da pesca en Burela; orixe, tradición e legado familiar; traballo, superación e formación; evolución e modernización das frotas; emprego e conciliación familiar; integración social e multicultural; efecto multiplicador da pesca; Absa, como dinamizador local; o papel da muller; gastronomía e saúde; e o valor do futuro; pechando a película cunha sincera declaración de “Amor ao Mar”.
Más de cen persoas asistiron á cita, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, e que clausuraron a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares.
Carmela López aplaudiu este tipo de traballos audiovisuais, que seven para conservar na memoria historias que converten este porto nun dos principais da pesca mundial. A alcaldesa alegrouse de escoitar mensaxes de toda esa xente coñecida que participa no documental, e que á vez a enchen dun orgullo máximo por “ser de Burela”.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia felicitou a todas as persoas que axudaron a crear este traballo “transversal” con moitos puntos de vista sobre como Burela é hoxe un referente no mundo do mar. Villares avogou pola fortaleza do sector: “as dificultades sempre se capearon, e o sector do mar volverá saír adiante”.
Finalmente, tamén deu as grazas a toda a xente que intervén no vídeo, grazas á xente do mar e á xente de Burela. Do mesmo xeito que “Galicia Sabe Amar”, como rezan as campañas de promoción da Xunta de Galicia, o conselleiro clausurou o acto afirmando que “Burela Ama o Mar”, unha mensaxe máis especial aínda ao pregoarse no Día dos Namorados.
Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.