O evento tivo lugar hoxe no Hospital da Mariña de Burela e contou coa participación da alcaldesa Carmela López e a concelleira de Servizos Sociais do municipio Sandra Fernández
Esta xornada tivo como obxectivo servir como espazo de reflexión e aprendizaxe sobre o proceso de envellecemento das persoas con discapacidade intelectual e no modelo de atención integral que estas precisan.
Durante a súa intervención, Carmela López destacou a importancia de abordar esta temática como “un reto urxente e ineludible”. “O envellecemento das persoas con discapacidade intelectual presenta desafíos específicos que debemos afrontar con planificación e compromiso”, sinalou.
“Esta etapa da vida pode vir acompañada de novas necesidades en materia de saúde, coidados e acompañamento social, polo que é fundamental contar con recursos adecuados e con profesionais preparados para dar a mellor resposta posible”, apuntou a rexedora.
López agradeceu a labor de ASPANANE e FADEMGA, organizadoras deste encontro, destacando “o seu traballo constante para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade”.
Neste contexto, a alcaldesa subliñou o papel das administracións públicas na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual: “Desde as administracións temos o compromiso e a responsabilidade de traballar para que todas as persoas, independentemente das súa capacidades ou idade, teñan acceso a unha vida digna, autónoma e plena”.
“Isto require accións concretas en materia de sanidade, servizos sociais e educación, ademais de garantir que estas persoas poidan ter unha participación activa na sociedade”, afirmou. Aproveitou a ocasión para felicitar a ASPANANE polo seu proxecto residencial, “que será un fito e un orgullo para A Mariña”.
A 5ª Xornada Sobre Saúde Mental e Discapacidade Intelectual contou coa participación de múltiples profesionais do sector, familias e representantes institucionais, converténdose nun foro de intercambio de experiencias e propostas coa fin de mellorar a atención e a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.