A serie de animación musical en galego ‘Bibopalula’ completa a súa primeira temporada co lanzamento dos últimos 15 episodios este venres en Xabarín.gal e na aplicación de Xabarín. Esta produción, dirixida a nenas e nenos de 3 a 6 anos, combina música orixinal e narrativas que fomentan a aprendizaxe sobre a natureza, a amizade e a lingua galega
A Coruña, 27 de febreiro de 2025. ‘Bibopalula’ segue as aventuras da Banda do Bosque, formada por catro paxaros: Robin, Merli, Pegui e Carpin. En cada episodio, descobren fenómenos naturais e aprenden cousas novas, que plasman nas súas cancións orixinais en galego, compostas por Santi Jul e Iván Laxe.
Os novos capítulos permitirán ás máis pequenas e pequenos coñecer novos pesonaxes e desfrutar de máis cancións. Robin, Carpin, Merli e Pegui enfrontaranse desta vez a enigmas como unha cova que fala, a volta do Titanic ao bosque, ou a busca da canción favorita do Señor Moucho. Tamén vivirán momentos emotivos, como a despedida das andoriñas rumbo a África. No último episodio todos os paxaros tentarán compoñer unha canción xuntos.
A serie foi creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, e producida pola compañía galega Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia, contando co apoio da Xunta de Galicia. Desde a súa estrea o 29 de novembro de 2024, ‘Bibopalula’ consolidouse como o contido máis visto na plataforma Xabarín.gal, alcanzando a miles de nenos e nenas grazas a unha completa campaña de promoción que incluíu publicidade exterior, presenza en medios de comunicación e participación en eventos como o Culturgal, partidos do Deportivo e o Celta, e a cabalgata de Reis Magos na Coruña.
Ademais dos episodios, ‘Bibopalula’ expandiuse máis alo das pantallas coa publicación dun libro infantil, unha colección de roupa e a dispoñibilidade de todas as cancións da Banda do Bosque en Youtube e nas principais plataformas de audio. Recentemente, parte do equipo asistiu a un destacado mercado de contidos de animación en San Diego, California, onde a serie espertou o interese de distribuidoras e canles internacionais.
Os novos episodios xa están dispoñibles en Xabarín.gal en a aplicación de Xabarín.