O Concello eliminará dous puntos de vertido de saneamentos existentes detectados nas parroquias de Benquerencia e San Cosme tras auditar a rede
Barreiros, 25 de febreiro de 2025. O Concello de Barreiros iniciou as obras previstas para este ano na mellora da rede de saneamento existente, concretamente, as relativas a conexións de saneamentos existentes e eliminación de vertidos ao medio.
Tras a realización dun estudo e auditoría da rede, cos que se concretaron e priorizaron as principais necesidades, o goberno municipal deseñou un plan de actuacións a levar a cabo anualmente. No 2024 executou actuacións por máis de 50.000 euros.
No ano 2025, actuarase en varios puntos nos que a rede de saneamento non ten continuidade, producíndose vertidos ao medio que serán eliminados mediante puntos de conexión entre redes existentes.
No día de onte, a alcaldesa, Ana Ermida, acompañada do concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, visitaron as obras que se están a realizar no cruce entre os camiños municipais e a estrada da Deputación de baixada a Coto, á altura do barrio da Picota, en Benquerencia.
Ditas obras consisten no entronque dos tubos existentes que dan saída ao saneamento de inmobles e que se atopan a uns 30 metros da rede existente, sendo preciso o cruzamento da estrada da Deputación. A alcaldesa explicou que “aproveitando que se van levar a cabo obras de reparación de dita vía, organizámonos entre administracións para poder executar estas obras con anterioridade ao arranxo e así garantir uns mellores resultados e evitando facer unhas obras que se foran levantar a posteriori.” Ademais, explica a rexedora, tamén se vai aproveitar para “ampliar a saída do camiño que comunica a estrada de baixada a Remior coa estrada de baixada a Coto, que nunha obra realizada antes das eleccións do 2019 non se prevera e quedara a saída cun estreitamento perigoso da vía”.
Estas actuacións, que contan cun orzamento e 14.595,06 euros, están sendo executadas pola empresa Grupo Bascuas.
Conexión do saneamento en Río
Neste 2025 tamén se realizará unha obra de importancia neste mesmo ámbito na parroquia de San Cosme. Trátase da conexión do saneamento da Estrada Xeral, desde a entrada de San Cosme a Río, dando continuidade á conexión da outra banda que se realizou o ano pasado.
Nestas actuacións, dáse solución á unha rede existente sen conexión que xeraba un notable caudal, especialmente en verán. O investimento neste caso ascende a 48.818,45 euros que o Concello financiará en 40.000 euros con cargo ao Plan Deputación e o restante con cargo a fondos propios.