Tras a renuncia da titular anterior do alugueiro, a cafetería non puido abrirse debido á que se detectaron defectos estruturais, incumprimentos do local e mobiliario e a que a instalación eléctrica non estaba legalizada
Barreiros, 7 de febreiro de 2025. O goberno municipal de Barreiros vén de aprobar na Xunta de Goberno de onte, xoves, un proxecto para adecuación da cafetería do centro social que ascende a un importe de 54.088,34 euros; co que acometerán as obras e investimentos necesarios para poder poñer en funcionamento dito servizo.
A alcaldesa explica que “o bar do Centro Social de San Cosme quedou vacante o pasado mes de xuño, tras a renuncia da titular do contrato de alugueiro asinado no ano 2015 cunha duración de 10 anos. Tras acordar coa inquilina os prazos para o desaloxo e a limpeza, a finais de verán realizouse unha visita de inspección e inventariado e recollida das chaves, na que se detectaron graves incumprimentos que xa existían no momento en que foi licitado o contrato no 2015”.
Nesa visita, explica a rexedora, “comprobamos que, ademais de problemas estruturais que xeraban filtracións e humidades no edificio, existía un problema crucial na instalación eléctrica que estaba directamente enganchada, sen ningún tipo de garantía á instalación do centro social”.
Segundo a información que se nos trasladou, “esta situación deuse desde o primeiro momento do contrato celebrado no 2015, sendo coñecedor e responsable o anterior goberno municipal que, deliberada e irresponsablemente promoveu a prestación dun servizo e dunha actividade económica nun local que incumpría os mínimos de seguridade, podendo xerar un problema para o Concello e mesmo para a persoa que rexentaba o negocio”.
Tras ter coñecemento da situación, “o goberno municipal adoptou a decisión de non licitar un novo contrato ata ter solucionadas estas cuestións cruciais e responsabilidade única do propio Concello”. Deste xeito foron realizados os proxectos tanto eléctricos como arquitectónicos para acometer os investimentos necesarios para contar con todas as garantías e seguridade nun local aberto ao público.
Ana Ermida, explicou que o importe total dos investimentos ascende a 54.088,34 euros, nos que se inclúen a instalación eléctrica, a impermeabilización de fachada e cuberta e a dotación de mobiliario e adecuación do local para cumprir cos parámetros necesarios para a licencia de actividade que lle corresponde, cuestión que se viña incumprindo todos estes anos.
Este investimento, será financiado en parte con cargo ao Plan Deputación do 2025, cun importe de 48.500 euros, asumindo a diferencia o Concello de Barreiros con fondos propios.
A alcaldesa manifestou que tratarán de axilizar ao máximo os tempos de licitación e execución das obras para tratar de poñer en marcha o servizo de cafetería o antes posible.