A escola contará na súa fachada cun mural de Diego As, grafiteiro lucense que figura entre os 10 mellores do mundo, gañando no ano 2023 o recoñecemento ao mellor graffiti do mundo co Xulio César que se pode ver na Ronda da Muralla
Barreiros, 18 de febreiro de 2025. O Concello de Barreiros continúa realizando investimentos na Escola Infantil Municipal para “actualizala, mellorala e corrixir as deficiencias que se atoparon nestes anos”.
Nesta ocasión, as actuacións a levar a cabo serán o pintado exterior da mesma e unha renovación do patio exterior, dotándoo de equipamento actual en canto a seguridade, pero tamén e fundamentalmente en canto a pedagoxía.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que se trata de “dotar a escola de materiais que son propios dun sistema educativo centrado na evolución das nenas e nenos, no que as educadoras da primeira etapa teñen un papel fundamental que debe complementar e acompañar a educación que se recibe por parte das familias”.
Así, retíranse elementos fixos que incumpren coas actuais normas de seguridade en escolas infantís e substituiranse por elementos móbiles que permiten traballar aspectos como a mobilidade ou a psicomotricidade, fundamentais na primeira etapa educativa.
Ademais, procederase a drenar exteriormente o muro do patio, para evitar as filtracións de humidades existentes, e ao seu enfoscado. Instalarase tamén unha saída de emerxencia do propio patio, da que carece na actualidade e coa que se gaña en seguridade nas instalacións.
A concelleira delegada de Educación, Igualdade e Saúde Pública, Montse Porteiro, explica que “a Escola Infantil é para este goberno municipal un símbolo que vai moito máis aló dun mero edificio no que se presta un imprescindible servizo. Para este goberno é un edificio no que se está a traballar o futuro de Barreiros, educando e criando persoas que serán as que habitarán este concello no futuro.” “Por iso centramos moitas das nosas actuacións nese servizo que, pese a non ser unha competencia propia, prestamos coa intención de poñer un instrumento nas mans das familias; pero tamén para convertela nun instrumento para as nenas e nenos que pasan por ela e deixar unha pegada que contribúa a facer un Barreiros mellor”.
Diego As decorará o exterior da Escola Infantil cun dos seus murais
O recoñecido e galardoado grafiteiro lucense, Diego As, será o encargado de personalizar cun dos seus murais o edificio destinado ás nenas e nenos barreirenses.
O muralista recoñecido no ano 2023 como campión de España de graffitis e galardoado co mellor mural do mundo nese mesmo ano polo seu mural de Xulio César que se pode atopar na Ronda da Muralla de Lugo, terá o seu espazo na fachada exterior do edificio municipal barreirense.
A alcaldesa manifesta a súa “satisfacción por poder contar cun artista dese nivel para decorar a Escola Infantil, poñendo a arte como referencia para as nenas e nenos e facendo aínda máis especial este espazo que, sen dúbida, marca a todas as crianzas que pasan por el”. Ermida explica que darán “total liberdade” ao artista para que presente as ideas que considere, cunha obra na que se “reflicta Barreiros e que traslade o significado dunha escola infantil como ese espazo no que medrar libres e iguais”.