O senador popular formulará unha pregunta a Jordi Hereu este martes 11 de febreiro no Pleno da Cámara Alta
Lugo, 10 de febreiro de 2025. O senador do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, formulará este martes ao Goberno de Sánchez no Pleno da Cámara Alta unha pregunta para que o Executivo aclare a súa posición respecto á instalación dunha biofábrica de fibras téxtiles, un proxecto do grupo Altri, en Palas de Rei.
O lucense e viceportavoz do Grupo Popular no Senado dirixirase ao ministro de Industria, Jordi Hereu, na sesión plenaria desta semana para que “explique claramente cal é a postura do Goberno” e, polo tanto, “evitar calquera tipo de interpretación”.
Os senadores xa formularon preguntas para saber se o Goberno de Sánchez comparte ou non opinión do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que aseguraba que non cumpría os requisitos para recibir axudas europeas e da señora vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, que se opón á instalación desta industria en Galicia.
O Executivo indica, en resposta oficial por escrito, que “a avaliación que faga o Ministerio de Industria y Turismo de calquera proxecto que se presente esixirá o cumprimento da normativa española e europea”. Así mesmo, o Goberno responde que “traballa para favorecer a atracción de novos proxectos industriais de alto valor engadido que cumpran de forma estrita a normativa medioambiental e a lexislación en materia de axudas e subvencións estatais e europeas”.
Barreiro explica que “o que vén a dicir o Goberno de España, como non pode ser doutro xeito, é que calquera proxecto debe cumprir a normativa e a lexislación vixente”.
O senador popular lembra que “dende o Partido Popular sempre defendemos que teñen que ser os técnicos os que determinen se cumpre ou non coa normativa. No caso de cumprir estritamente os requisitos que recolle a normativa aplicable as administracións deberán apoiar o proxecto e senón, non”. Nese sentido, subliña que “basear o apoio ou non dunha administración pública a un proxecto en base a criterios doutro tipo como, por exemplo, os ideolóxicos, sería prevaricar”, conclúe.