O senador popular defenderá a iniciativa este luns na Comisión de Cultura
Lourenzá, 22 de febreiro de 2025. O senador mariñán, José Manuel Balseiro, pedirá este luns na Comisión de Cultura do Senado que o Goberno de España lidere e financie, con cargo a fondos estatais, a obra de rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.
A iniciativa que os representantes do PP lucense levarán á Cámara Alta inclúe a elaboración e execución dun proxecto de intervención, só ou en concorrencia con outras administracións, co fin de preservar, protexer e poñer en valor esta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Monumento.
Balseiro cre que “o Goberno de España debería contribuír nalgunha medida á rehabilitación deste importante elemento do patrimonio cultural”; á vista de que “a Xunta de Galicia xa fixo varias actuacións no conxunto” como a remodelación da Casa do Concello no seu momento, da biblioteca do mosteiro ou, máis recentemente, da lanterna octogonal da igrexa.
O senador popular lembra tamén que “a alcaldesa socialista do municipio anunciou a execución dunha obra de rehabilitación que superaría os 2 millóns de euros con cargo ao Plan Nacional para o Turismo do Xacobeo 2021, que nunca chegou a executarse”.
Establecéndose a colaboración entre a Diocese e a Dirección Xeral de Patrimonio, fíxose a solicitude de 3 millóns de euros dun proxecto de case 4,3 con cargo ao Programa do 2% cultural do Executivo estatal. “Pero tamén quedou fóra desa convocatoria de axudas”, segundo subliña Balseiro. É máis, ante as preguntas oficiais dos senadores, o Goberno de España deixaba claro que non ten previsto investimento para o mosteiro de San Salvador de Lourenzá a través do Ministerio de Cultura, situación que agarda “o Executivo rectifique”.
UNHA XOIA CUN GRAN DETERIORO
O mosteiro de San Salvador é un dos monumentos máis importantes e representativos deste municipio da Mariña lucense e tamén un referente do barroco galego. A súa fachada, finalizada no século XVIII polo arquitecto Fernando de Casas Novoa, considérase precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.
Foi fundado no século X polo conde Osorio Gutiérrez -tamén coñecido como Conde Santo, que se atopa enterrado nun sarcófago que se atopa na capela de Valdeflores da igrexa do mosteiro-. No século XII pasou de ser unha congregación familiar a depender da Orde Beneditina. A principios do século XVI, queda baixo a influencia de San Benito de Valladolid. No século XIX inicia a súa decadencia ata que entre 1910 e 1942 recobra a vida monástica da man dos monxes dependentes de Samos. Na actualidade acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra.
Algunhas estancias do mosteiro, desafortunadamente, presentan gran deterioro. Isto non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro, a pesar do seu importante valor como xoia do patrimonio histórico e cultural, ademais do relixioso.