O senador mariñán do PP aclara que “o tramo Barreiros-O Carme da autovía A-74 xa estivo a exposición pública no 2018 co Goberno de Rajoy”
A Mariña, 7 de febreiro de 2025. O senador mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro, aclara que “o tramo Barreiros – O Carme da autovía A-74 que sae a exposición pública, xa estivo a exposición pública no 2018 co Goberno de Rajoy. O Goberno socialista de Pedro Sánchez dá pasos atrás. Non avanzou nada nestes sete anos: 0 euros en proxectos, 0 kms en obras e 0 kms executados”, afirma.
O propio Executivo recoñece na súa resposta oficial ante as preguntas dos senadores lucenses -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- que o proxecto estaba “en redacción para someter a unha nova información pública”.
Balseiro censura que “o Goberno de Sánchez dese a entender que había certo movemento en relación á autovía da Mariña” e lembra que “nin sequera foron capaces de executar os 4M€ que deixaba presupostados o Goberno do Partido Popular no 2018”.
Sobre o tramo O Carme – Foz (5,3 km), o Executivo explica que está o “proxecto en redacción”. En relación ao tramo Foz-Burela (9,1 km) que tamén saíra a exposición pública no 2021 aseguran que o “proxecto en redacción” e para o tramo Burela – San Cibrao (13,9 km) “estase analizando a actuación a acometer”. É dicir, “aínda está sen determinar que se vai a facer no 45% do trazado da autovía A-74”, segundo explica o senador popular.
Os senadores do PP lucense teñen rexistrada unha iniciativa na Cámara Alta para esixir ao Goberno de Sánchez que “comecen no ano 2025 as obras en tódolos tramos da autovía A-74” e que “dote de presuposto suficiente para que así sexa”. Balseiro explica que “o Partido Socialista que tanto di facer e o BNG que apoia ao Goberno de Sánchez en Madrid van ter a oportunidade de posicionarse e apoiar esta iniciativa”.
O senador popular pide que “o Goberno de Sánchez se poña a traballar e a facer esta autovía tan necesaria para unha das comarcas máis puxantes de Galicia e a máis puxante da provincia de Lugo”.
A REIVINDICACIÓN LOCAL: AXILIZACIÓN E AVANCES
Os portavoces do PP de Foz e Barreiros, Javier Castiñeira e José Manuel Gómez Puente, coinciden en cualificar de “perdidos” para a autovía A-74 estes sete anos de Goberno de Pedro Sánchez.
Castiñeira explica que “dende o PP de Foz vemos neste anuncio do Goberno unha volta ao ano 2018” porque “seguimos con exposicións públicas, pero sen avanzarse nada na súa construción. O que falta é vontade de facer as cousas. Os veciños e veciñas de Foz xa non confían nas promesas do Goberno socialista de Pedro Sánchez”.
Gómez Puente entende que “os veciños e veciñas de Barreiros se sintan molestos” e incide na necesidade de “axilizar os trámites” para acometer esta “infraestrutura importante para os veciños e veciñas da comarca da Mariña e de Lugo”.