O portavoz popular compareceu en rolda de prensa acompañado polos deputados José Pardo e Jesús Núñez
Lugo, 18 de febreiro de 2025. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, censura o trato do presidente Tomé aos veciños e veciñas de Ribadeo. “É inaudito que sancione ao Concello, e polo tanto, lle quite cartos cos que prestar servizos ou acometer melloras en beneficio dos veciños e veciñas” por ter desbrozado as marxes das vías Deputación de Lugo que estaban abandonadas pola administración titular e, polo tanto, supoñían un risco especialmente no verán cando se rexistra unha importante afluencia de peóns e condutores que usan estas estradas no verán para acceder ás praias e vivendas da zona. Tomé pasou os límites e o respecto institucional”.
En rolda de prensa, acompañado polos deputados José Pardo e Jesús Núñez, Ameijide condenou unha vez máis “o sectarismo do goberno provincial de PSOE e BNG” cos Concellos gobernados por outra cor política tras coñecer a Resolución do presidente Tomé para impoñer ao Concello de Ribadeo unha sanción pecuniaria de 25.000 euros -a razón de 3.500€/km- “polo desbroce dun total de 7,5 km das marxes de vías provinciais de acceso ás praias en tramos moi concretos” nos que se advertía “perigosidade” e para os que o Concello pedira en numerosas ocasións que a Deputación actuara atendendo ás queixas dos veciños e aos informes municipais.
Ameijide tamén cre que “o goberno de PSOE e BNG non ten control sobre a rede viaria provincial” toda vez que “recoñecen que se enteraron pola prensa, senón non sabían que esas vías foran limpas”. A información fíxose pública o 3 e o 4 de xullo a través dos diarios de máis tirada da provincia e o presidente Tomé non reaccionou ata varias semanas despois, o 30 de xullo, cando ordena parar os traballos que xa estaban rematados. “Tomé di que o Concello ignora a orde de paralización, pero “non a ignora porque xa facía semanas que se realizara o traballo”.
O portavoz popular pregunta, ademais, cales foron os motivos polos que a Deputación de Lugo rebaixou a contía da sanción dos 43.750€ anunciados aos 25.000€ toda vez que “o goberno provincial asegura que o Concello non presentou alegación algunha á Proposta de Resolución” pero “o Concello dirixiu á institución provincial dúas alegacións: unha en data 18 de setembro e outra o 12 de decembro. Na resolución o presidente da Deputación minte de forma deliberada”.
Ameijide incide en que “podendo cualificar a sanción de leve, grave ou moi grave, cualifican de moi grave por capricho”. O popular entende que, “no caso de que Tomé insista en sancionar debería ser unha sanción leve. Só podería ser moi grave se fose unha actuación non autorizable, pero desbrozar non só é autorizable, senón que é recomendable facelo 2 ou 3 veces ao ano, pero o Concello tivo que facelo porque a Deputación non actúa”.
É dicir, non se dan as circunstancias para considerar unha infracción moi grave xa que “non son actuacións que afecten á vía e que ademais non sexan autorizables”. E, polo tanto, entende que non se cumpre o recollido no art. 61.3.a) “realizar obras non permitidas en zona de dominio público da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior”.
E “minte de novo en canto aos os importes das sancións moi graves segundo a lei están entre os 10.101 e os 250.000 euros; non entre os 25.000 e os 250.000 euros”, engade.
O popular explica que “o estado de abandono era palpable” e, incluso, “se chegaron a dar problemas nas mesmas” como un accidente rexistrado o 19 de maio. Os deputados populares teñen reivindicado que o desenvolvemento dos traballos de desbroce por parte da Deputación de Lugo comecen antes, especialmente, nos puntos de interese turístico que rexistran máis visitantes no verán para garantir a seguridade.
Ameijide explica que “tres informes de funcionarios do Concello poñían en coñecemento do alcalde para que adoptara as medidas oportunas en relación á situación das estradas tras recibir queixas veciñais pola inseguridade, a presenza de vexetación que invadía a calzada e dificultaba a visibilidade. Incluso detectaron a presenza de auga na calzada nalgún punto por falta de drenaxe e de desbroce”. Nese sentido, “o Concello realizou eses traballos ante a inactividade da Deputación de Lugo nas estradas da súa propia competencia”.