Avoga por dirixirse a el de forma construtiva como fai o Goberno galego, con distintas liñas de actuación que están destinadas a paliar a perdas ocasionadas polos fenómenos adversos que lastraron a produción dos anos 2023 e 2024
A este respecto, Villares realizou unha clara defensa do sector, que é resiliente por natureza, e cuxa actividade representa preto do 5% do Produto Interior Bruto de Galicia e o 5,5% do Valor Agregado Bruto. Por iso, destacou a importancia de dirixirse a el de forma construtiva como o está a facer o Goberno galego, con distintas liñas de actuación deseñadas conxuntamente coa xente do mar, e que están destinadas a contribuír a aumentar a súa competitividade, a manter os postos de traballo que xera na actualidade, a garantir a soberanía alimentaria e a sostibilidade dos recursos.
Accións deseñadas co sector
É o caso, dixo, do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo 2024-2025 dotado con 123 millóns de euros, dos que xa se mobilizaron 70 millóns para axudar a paliar as paradas temporais, a investir na mellora dos equipamentos e infraestruturas portuarias, a restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, a aumentar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perdas de produción, á xestión da pesca costeira artesanal, á formación profesional ou ao desenvolvemento dos Grupos de Acción Local (GALP).
En paralelo, o conselleiro destacou os proxectos que se están a levar a cabo para impulsar a internacionalización do sector, consolidando o liderado do mesmo no mercado exterior, e que contribúen a que hoxe a comunidade se sitúe na décimo terceira potencia exportadora mundial. Como exemplos citou as campañas de promoción dos produtos para reverter a tendencia existente de baixada do consumo, facendo fincapé na de GALICIA SABE AMAR; nas axudas para a renovación, modernización e mellora da seguridade e habitabilidade a bordo, cifradas en 6,25 millóns; nas destinadas a pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, que contan cun investimento doutros 10 millóns; ou nos 65,7 millóns para impulsar o espírito empresarial na acuicultura, dende a neutralidade climática e a mellora do rendemento das súas explotacións.
Alianzas recentes
Trátase, en definitiva, de trazar alianzas que teñan por obxectivo seguir apoiando un sector clave na economía galega. Proba delo, é que, tal e como se produciu no día de onte, na xuntanza de traballo que mantivo cos representantes das confrarías da Ría de Arousa, Villares trasladou o compromiso da Xunta de continuar apostando por implantar medidas que impulsen as zonas produtivas do marisqueo, que se sumen aos proxectos de investigación que se están a desenvolver coas universidades galegas para abordar con profundidade os factores que afectan á produtividade dos bancos e ao deseño de actuacións biotecnolóxicas que permitan mitigalas.