A mostra está enmarcada en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación
Alfoz, 17 de febreiro, 2025. Afundación, ABANCA e o Concello de Alfoz veñen de asinar un convenio de colaboración para a realización da exposición de fotografías «Fauna esencial». O acto de rúbrica tivo lugar esta mañá e contou coa presenza da alcaldesa do Concello de Alfoz, Efigenia Maseda; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
«Fauna esencial» inaugurarase o vindeiro 27 de febreiro no Castelo de Castrodouro, onde se poderá visitar os xoves, venres e sábados en horario de 15.30 a 18.30 h e os domingos de 10.30 a 14.00 h e de 15.30 a 18.30 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.
A exposición «Fauna esencial» é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.
Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.