Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA solicita a paralización das canteiras de pizarra de Xemil e Campo do Oso na Pastoriza

A actividade mineira excede en máis de 30 hectáreas a superficie autorizada

Lugo, 26 de febreiro de 2025. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de solicitar á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a paralización das canteiras de pizarra de Xemil e Campo do Oso (Pastoriza) por superar en máis 30 hectáreas a ocupación que ten autorizada na Declaración de Efectos Ambientais (aprobada por Resolución de 28 de Decembro do 1998 da entón Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental). A actividade mineira que actualmente se sigue a realizar nas frontes Xemil-Pastoriza e Campo do Oso, correspondentes á autorización de explotación identificada como LU/C/5530 Fracción Pastoriza ou LU/C/5530.2, non conta coa preceptiva avaliación ambiental que se esixía no Decreto 327/91, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, e que se esixe hoxe na lei 21/2013, de avaliación ambiental.

En concreto, estas son as ocupacións autorizadas e actuais de cada unha das frontes:

Fronte de Xemil-Pastoriza
6,84Ha Ocupación autorizada pola DEA
30,93Ha Ocupación actual

Fronte de Campo de Oso
3,73 Ha Ocupación autorizada pola DEA
9,96 Ha Ocupación actual

TOTAL
10,57 Ha Ocupación autorizada pola DEA
40,89 Ha Ocupación actual

Restauración integral

ADEGA tamén solicita, por unha banda, que se obrigue á empresa á restauración integral de toda a área afectada pola actividade mineira, empezando por executar o plan de restauración aprobado no seu día para as 10,57 hectáreas cuxa ocupación está autorizada pola Declaración de Efectos ambientais. Por outra banda, a asociación demanda da empresa a presentación, tramitación e execución dun novo plan de restauración para o resto da zona ocupada sen autorización pola explotación mineira. A lexislación de protección ambiental está para ser cumprida e, no que respecta ás explotacións mineiras, é tempo xa de que a administración mineira empece por facela cumprir.

Exit mobile version