A filtración da Xunta dando por feita a autorización de Augas non se corresponde coa realidade do procedemento
A este respeito, ADEGA vén de solicitar a Augas de Galiza que comunique á peticionaria e ás partes interesadas a desestimación da solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, e arquive o expediente. Nese caso, Altri-Greenfiber estaría obrigada reiniciar o procedemento de concesión dende o mesmo trámite de competencia, como establece o art. 104 do RDPH.
A realidade do procedemento e a estratexia de confusión da Xunta
ADEGA figura como parte interesada nese expediente dende o seu inicio, ao concorrer no trámite de competencia para reclamar que o volume de auga solicitado por Altri (46.000 m3/día) fora destinado a usos ambientais e públicos. No decurso do procedemento, solicitamos periodicamente acceso ao expediente administrativo que xestiona o Servizo Territorial de Augas para a zona hidrográfica de Galiza-Centro. Nunha consulta en setembro de 2024, co prazo de resolución próximo a vencer, puidemos comprobar que no expediente faltaban aínda por emitir informes preceitivos para poder autorizar a concesión e que no procedemento non se rexistraron suspensións. E nesta mesma semana de febreiro puidemos verificar que aínda non se tiñan incorporado ditos informes e que o expediente ficaba igual que hai case 4 meses.
Á vista desta circunstancia, resulta chamativo que dende a Xunta se filtrara un documento con apariencia de oficial no que se daba por feito a autorización de Augas á solicitude de Altri. O contido desa filtración interesada, que recolle fundamentalmente valoracións da empresa, non se corresponde coa realidade e contribúe a sementar a confusión entre a cidadanía e condicionar o labor do persoal técnico da Xunta. Todo o contrario da obxectividade, transparencia e servizo público que debe guiar o proceder dunha administración.