Lugo, 6 de febreiro de 2025. ADEGA responde á nota de prensa difundida o pasado 29 de xaneiro por Euroarce Caolines, empresa que actualmente explota a canteira “Nuestra Señora de Begoña”, situada na Espiñeira, no concello de Foz (Lugo). Dita canteira está a levar a cabo actividades mineiras que implican grandes movementos de terra dentro dunha zona con protección patrimonial.
En relación coa mencionada nota de prensa, ADEGA rexeita as afirmacións da compañía, a cal sostén que a súa canteira non se sitúa nunha zona con protección patrimonial e que dispón de todas as licenzas, permisos e autorizacións necesarias. Non obstante, tras revisar a documentación existente no Concello de Foz, ADEGA constatou que non figura ningunha licenza urbanística municipal que avale a actividade mineira na zona. De todas formas, no caso de que a empresa dispuxese desa licenza, resulta sorprendente que non a achegase na súa comunicación para refutar as afirmacións de ADEGA de forma clara e directa. O silencio da compañía e do propio Concello de Foz sobre este punto clave alimenta as dúbidas sobre a legalidade das actividades mineiras en curso. Por iso, sería clarificador coñecer a data na que foi outorgada esa suposta licenza e saber quen foi o alcalde que a asinou.
Por outra banda, ADEGA reitera que a concesión mineira de Mina Begoña, que data de 1955, debería terse declarado caducada por falta de actividade durante décadas, tal e como establece a normativa vixente. Porén, a inacción da Administración permitiu que Euroarce reactivase a explotación, incumprindo así cos trámites ambientais esixidos polo RD 975/2009 e sen establecer un plan de restauración que garanta a recuperación do espazo afectado.
A pesar de que Euroarce insiste en que a súa actividade mineira non afecta o patrimonio cultural de Foz, a empresa que explota a Mina Begoña encargou estudos arqueolóxicos. Unha actuación innecesaria se a canteira estivese realmente fóra da zona de protección patrimonial.
ADEGA pregúntase por que Euroarce buscou unha resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio se a explotación non interfire co xacemento da Mina Romana da Espiñeira. A resposta para esta asociación é clara: a actividade de Euroarce afecta directamente unha zona con protección patrimonial, e as xestións realizadas pola empresa perante Patrimonio así o demostran.
Euroarce sostén que “dentro do espazo da concesión de Mina Begoña, nunha zona sen explotar, creouse en 2018 un perímetro de protección cultural definido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co nome ‘Explotación mineira da Espiñeira'” e que “Euroarce Caolines realiza e ten realizado a súa actividade extractiva sen afectar ao perímetro de protección do Patrimonio Cultural en Mina Begoña”. Porén, a delimitación da zona con protección patrimonial que figura no PXOM de Foz inclúe a área na que se realizan os movementos de terra denunciados por ADEGA. (Achégase ficha do PXOM, en álbum de fotos). Ademais, Euroarce non fai mención á ficha do inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), do ano 2014, na que os arqueólogos da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura de Lugo describen o xacemento e establecen unha delimitación que, en 2018, serviu de base para a delimitación do PXOM de Foz. (Achégase ficha do inventario de 2014).
Tampouco menciona que, en 2019, a DXPC realizou un traballo de “Xeolocalización e delimitación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia”. Neste estudo, a DXPC volve confirmar os límites da zona con protección patrimonial da Mina Romana da Espiñeira, límites nos que a canteira “Nuestra Señora de Begoña,” e a zona onde se realizaron os movementos de terra denunciados por ADEGA en novembro de 2022, están incluídos dentro da área con protección arqueolóxica. (Achéganse imaxes cos datos do traballo de xeolocalización e delimitación dos xacementos da DXPC de 2019, en álbum de fotos).
En consecuencia, tanto as delimitacións de 2014, 2018 como a de 2019 inclúen a zona dos novos movementos de terra dentro da área con protección patrimonial, e non fóra dela, como afirma Euroarce.