Ribadeo, 19 de febreiro de 2025. Acisa Ribadeo creará comisións sectoriais para achegarse máis aos problemas e necesidades de cada sector. Haberá catro: comercio, hostalería, hoteis e servizos e industrias.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “na asemblea ordinaria, que tivemos onte, anunciamos a creación destas comisións sectoriais, con persoas socias voluntarias, que atendan os temas específicos de cada sector. Estas comisións deberán estar compostas por polo menos 7 membros, tres da xunta directiva (a presidenta, o secretario e un membro máis da directiva do sector correspondente); a persoa xerente, e polo menos tres membros asociados do sector. Para poder dar forma e constituír estas comisións ábrese un prazo de 2 meses ata o 11 de abril para que os posibles voluntarios de cada sector mostren o seu interese en formar parte destas comisións, dirixíndose aos membros da directiva ou á xerencia”.
Cruzado Iglesias indicou que “as comisións que queremos crear son: comercio, hostalería, hoteis e servizos e industria. A partir do 11 de abril e antes do 30 de maio deberán quedar constituídas coas persoas que se presentaron voluntarias e as designadas pola directiva. Da constitución das mesmas darase conta mediante mail aos socios e aos medios de comunicación. A partir dese momento cada comisión creada comezará o seu labor, con polo menos unha reunión anual para tratar os temas específicos de cada sector”.
Contas de 2024
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que que “tamén tratamos outros importantes asuntos. Foron aprobadas por unanimidade as contas anuais do exercicio 2024, cuns ingresos de 140.187,23 euros; provenientes das cotas e dos patrocinadores privados, e das subvencións tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Ribadeo, e contando co remanente positivo do 2023; e uns gastos de 138.635,43 euros; dos que investimos 72.013,82 euros en actividades, servizos e materiais para socios, 5.834,50 euros en colaboracións, 6.850 euros en vales de compra e o resto do presuposto no mantemento estrutural de Acisa. Estes gastos e ingresos apórtannos un remanente positivo para o 2025 de 1.551,80 euros. As contas foron aprobadas por unanimidade”.
Pérez Prada continúa: “fixemos tamén un pequeno análise do estado da asociación, que a 31 de decembro de 2024 contaba con 162 socios, tras a alta de 9 novos negocios; realizamos 48 actividades, colaboramos con 9 entidades, temos activos 12 convenios vantaxosos para socias e socios, aumentamos os patrocinios chegando a máis de 15.230 euros, que nos axudan a cofinanciar as nosas actividades, xeramos en torno a 1.000 impresións en prensa, obtivemos mais de 1,5 millóns de visitas as nosas redes e web, e repartimos arredor de 60.000 unidades de diferentes materiais gratuítos”.
Evolución
O xerente de Acisa dixo que “tamén se fixo un pequeno balance comparativo da evolución da entidade nos últimos anos. No ano 2014 realizábanse 14 actividades e no 2025 fixemos 48. Pasamos de 130 socios no 2014 a 162 en 2024, o que supón un incremento dun 30%. Hai dez anos Acisa contaba con 3 convenios activos e na actualidade ten 12, cuadriplicando a oferta. En 2016 non se entregaba ningún material gratuíto aos socios e no 2024 entregáronse 60.000 unidades, facendo ademais un acumulado neste período de preto de 300.000 unidades de diferentes materiais gratuítos entregados. Tamén se aumentou o financiamento da nosa entidade, pasando de 0 patrocinios no ano 2017 a 12 patrocinios privados na actualidade. E no relativo á saúde financeira da entidade, pasamos de ter no ano 2016 uns ingresos de 102.000 euros a 138.000 euros no ano 2024, representando un aumento de entorno o 35%. No tocante ao resultado do exercicio rematamos o 2024 con 1.551,80 euros de remanente positivo, confirmando a senda de saneamento das contas. Estas cifras non son cousa dun día, veñen dun traballo de anos no que Acisa medrou en socios, servizos, actividades, e no que se xestionou mellor o presuposto. Os datos constatan o bo traballo do pasado e do presente”.
Orzamento de 2025
Na asemblea xeral de Acisa foi aprobado por unanimidade o presuposto de 2025, que ascende a 175.800 euros: “no tocante aos ingresos prevese contar coas mesmas axudas publicas que no 2024: o convenio do Concello de Ribadeo, a axuda aos CCA da Xunta de Galicia, as cotas por valor aproximado de 56.000 euros e os patrocinios privados. A maiores contamos nesta anualidade con 23.000 euros da área de Cultura da Deputación de Lugo, para os gastos derivados do Ribadeo Indiano, así como con unha subvención da Área de Mar da Deputación de Lugo e esperamos contar con outra axuda da Deputación de Lugo da Area de Promoción Económica. Como estamos a inicio do ano, e nesta anualidade hai subvencións que veñen con novidades quizais o presuposto co que contemos poida ser maior. E no tocante os gastos, prevemos un aumento no gasto en campañas propias, na contía das colaboracións con outras entidades e eventos e tamén aumentaremos especialmente a partida de premios en vales de compra. En conclusión o presuposto anual de este ano, con respecto do ano pasado aumenta en torno o 25 % representando uns 40.000 euros mais, que proveñen da actualización de cotas e das subvencións previstas para o ano 2025”.
Pérez Prada engadiu: “tamén informamos das actividades previstas para o ano en curso e das novidades nas que estamos a traballar para poder levar adiante algún proxecto especial; así como do informe de días festivos e domingos de apertura e tamén das ampliacións horarias de hostalería. A formación estará moi presente ao longo deste ano. Xa estamos a ofrecer diferentes cursos online, para comercio e hostalaría, e esperamos poder seguir ofrecendo outros tamén presenciais ata finais de ano. Estamos a traballar tamén na organización dunhas novas xornadas gastronómicas, en novos materiais gratuítos e novidosos para socios e en actividades para todos os asociados durante o ano. Como sempre facemos desde Acisa, puxemos a disposición dos socios nesta cita toda a documentación á súa disposición a través dun informe, que por suposto poden consultar en calquera momento nas nosas oficinas”.
A presidenta de Acisa subliñou que “todos os asuntos que levamos á asemblea xeral ordinaria foron aprobados por unanimidade. Agradecemos desde a directiva a asistencia das nosas asociadas e asociados. Desde a directiva e desde a xerencia traballamos nunha ampla programación de actividades, que terán como obxectivo dinamizar todos os sectores aos que representamos e dinamizar a economía local de Ribadeo, porque iso será beneficioso para tod@s”.