Foz, 14 de febreiro de 2025. AciaFozCCA sorteará unha cesta entre os clientes máis cafeteiros de 10 locais hostaleiros. Esta campaña especial denominada O teu café ten premio enmárcase no Campionato Internacional de Baristas e de Cata de Cafés que se vai celebrar no IES de Foz a vindeira semana.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “aquelas persoas que tomen o café en Anduriña, Bar 78, Dandy, Los Dulces de Delphine, Marexada, O Muelle Bar, Tangarte, Coffee Urban Roasters Foz, Xoíña Pizzería e Xoyma entre os días 17 e 23 de febreiro participarán no sorteo dunha cesta especial composta por produtos relacionados co mundo do café”. O sorteo terá lugar en Radio Foz o 26 de febreiro.
Paleo indica que “O teu café ten premio tivo unha boa acollida o ano pasado e neste 2025 agardamos repetir. Os amantes do café teñen unha boa ocasión para saborear as elaboracións que atoparán nos dez locais participantes”.
AciaFozCCA organiza esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.