https://www.encuentronaturewatch.com/
O evento natureWatch foi recoñecido pola Organización Mundial do Turismo como evento colaborador no 2017, ano no que se organizou por primeira vez, e desde entón celebrou máis de 20 edicións en diferentes provincias de España. Trátase dun evento referente que convoca a participantes nacionais e internacionais, congregando así en cada edición a un gran número de persoas relacionadas coa práctica e divulgación do turismo sostible de natureza.
A Mariña, destino natural
Os encontros natureWatch son foros especializados de ecoturismo que se celebran en diferentes puntos de España, atendendo ás características singulares de cada lugar. O seu obxectivo é contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais. Neste caso, pretende posicionar A Mariña entre os profesionais do sector e o público especializado como un des=no de turismo de natureza de relevancia a nivel nacional.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, sinalou que “a celebración deste encontro na Mariña supón un paso máis no obxectivo de converter o territorio nun destino referencia a nivel ornitolóxico, natural e xeolóxico, co fin de xerar desenvolvemento económico e social ao redor das empresas de turismo activo e ecoturismo, guías de turismo de natureza, aloxamentos, restaurantes e produtores locais, entre outros”.
Contribución á conservación
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, dixo que “trátase ademais dun evento socialmente responsable. Por unha banda é un evento neutro en carbono, é dicir, que se tomarán as medidas necesarias para compensar as emisións de carbono que se produzan durante o evento, investindo en actividades que reducirán ou eliminarán da atmosfera unha cantidade de carbono equivalente á emitida, polo que se acada un impacto 0. E por outra banda, parte do custo de inscrición será destinado a un proxecto local de conservación do medio ambiente a cargo de REBINXE”.
REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural) é unha organización sen ánimo de lucro para a conservación do medio ambiente creada por profesorado e alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo.
Resumo do programa
natureWatch A Mariña Lucense dará comezo o venres 28 de marzo pola tarde cun primeiro bloque de ponencias orientadas a presentar o territorio, os proxectos que se están levando a cabo en materia de sostibilidade e á posta en valor dos recursos locais. Neste contexto, os participantes terán a ocasión de facer unha degustación de produtos locais a cargo do Colectivo de Gastronomía da Mariña. O segundo bloque da tarde estará centrado en proxectos de divulgación e conservación do patrimonio ornitolóxico e rematará coa presentación do libro “Territorio Lobo” de Andoni Canela.
O sábado 29 de marzo comezará cunha visita xeolóxica ao Monumento Natural Praia das Catedrais e, a continuación, cunha visita guiada de observación de aves na praia de Arealonga (Barreiros). Durante o resto da xornada continuarán as ponencias sobre o xeoturismo e o sistema de regulación de accesos de espazos naturais, así como a presentación de experiencias de ecoturismo en diversos destinos do norte peninsular. Este día contará cunha degustación de produtos da Rede de Produtores de RURALtXA!
O encontro rematará o domingo 30 de marzo pola mañá cunha visita de campo á Serra do Xistral para coñecer a importancia das turbeiras e a súa flora, así como a relación entre as breixeiras e os cabalos de monte, da man do proxecto RURALtXA!
O encontro natureWatch está promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización corre a cargo da empresa especializada Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista. Ademais, nesta edición conta coa colaboración especial de RURALtXA! un proxecto que impulsa a bioeconomía no mundo rural e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliciencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.