Foz, 12 de febreiro de 2025. O Concello de Foz, a través da Área de Servizos Sociais, organiza un ano máis a xuntanza dos maiores do municipio. Será o día 23 de febreiro, domingo.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, anuncia que “esta nova xuntanza celebrarase o día 23 de febreiro na carpa instalada na rúa Atalaia (carpa do Carnaval), habilitada con baños e calefacción. Como novidade este ano, haberá sesión vermú, con música en directo, amenizada polo trío Latino a partir das 13:30 horas. Os asistentes poderán degustar unha comida totalmente gratuíta, cun menú a base de cecina, callos, codillo ó forno con patacas fritidas con guarnición, pan, bebidas variadas, café, chupito, e un doce elaborado polo obradoiro de pastelería Bahía. Servido polo cátering Chao de Brea. Haberá sorteo de agasallos para os participantes, ademais de sorpresas para a dona e o cabaleiro máis lonxevo da xuntanza. Ás 17 horas comezará o baile con música en directo, amenizado polo trío Latino, ata as 20 horas”.
Ana Rojo destaca: “a nosa pretensión é recoñecerlles ós maiores a súa labor de toda unha vida de traballo, a importancia que teñen no coidado das familias e a aportación ó noso pobo sendo parte da estrutura social que contribuíu ó desenvolvemento do municipio, facilitando o cambio social para facer un Foz con recursos e en continua expansión. Mención especial ás mulleres, que foron a pedra angular nas familias, nos fogares, dedicadas ós coidados das crianzas, avós, pais, enfermos, traballando na agricultura e na gandería, no mar, de redeiras ou vendendo o peixe porta a porta, colaborando así de maneira activa na economía familiar dende o rol que lles foi imposto socialmente”.
O alcalde, Fran Cajoto, manifesta a súa gratitude para “os que co seu traballo e o seu esforzo contribuíron de maneira activa para facer un Foz mellor; son exemplos de fortaleza que permitiron as seguintes xeracións disfrutar dun progreso e dun legado que non debemos esquecer e do que debemos aprender como sociedade. Será un día especial de ledicia e de homenaxe para todos eles”.
As invitacións para participar neste evento recóllense no departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz ata o día 18 de febreiro.