Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta renova o seu apoio ao FIV de Vilalba para potenciar a oferta cultural e turística da provincia

A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación do cartel da 18ª edición, que se celebrará os días 25 e 26 de abril no Campo da Feira da localidade

Lugo, 4 de febreiro de 2025. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da 18ª edición do FIV de Vilalba, que se celebrará no Campo da Feira da localidade os días 25 e 26 de abril.

O delegado territorial, Javier Arias, participou na convocatoria na que se deu a coñecer o cartel completo deste ano xunto coa directora xeral de Relacións Parlamentarias, Sandra Vázquez; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o director do FIV, Carlos Montilla; e outros representantes das entidades patrocinadoras.

Arias destacou o apoio do Goberno galego a esta cita que contribúe a “potenciar a oferta turística e cultural” da provincia de Lugo e “ten un impacto positivo na economía local”. Neste senso, lembrou a aposta da Administración autonómica polo “turismo de festivais” e destacou que “seguiremos apoiando non só os festivais xa consolidados coma este, ou como o Resurrection e o Caudal Fest, senón tamén a outros que comezan”.

Subliñou ademais o impulso á participación de bandas galegas co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través das axudas para fomentar a contratación de artistas da Comunidade en festivais de música, das que este festival resultou beneficiario na edición de 2024. “Desta forma dáselle visibilidade ao talento galego en citas estratéxicas como o FIV”, explicou.

O cartel do FIV desta edición inclúe as actuacións de Varry Brava, Joe Crepúsculo, Cycle, Shinova, León Benavente, The Rapants e Leria. Como DJs completan o programa Galician Army, Juancasupersub DJ Set e os lucenses Grande Osso.

Exit mobile version