A actuación beneficiará a preto dun centenar de embarcacións con base nun peirao no que a descarga de peixe acada o maior volume de negocio de Galicia con preto de 60 millóns de euros de venta en lonxa anuais
Compostela, 3 de febreiro, 2025. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 1,8 millóns de euros nas obras de reforzo e adaptación ao cambio climático do dique de abrigo do porto de Burela, en Lugo. O departamento autonómico informou hoxe ao Consello da Xunta da próxima adxudicación dos traballos nos vindeiros días.
As obras consisten no aporte de 160 bloques de formigón de 3 metros de lado e 56 toneladas de peso nas zonas nas que se teñen producido desprendementos ou o dique perdeu estrutura por acción do mar e as adversidades climatolóxicas. Os traballos terán un prazo de execución estimado de 22 meses, polo que se prevé que a actuación quedaría rematada a finais de 2026.
A metade dos bloques poderán ser colocados desde terra e para a outra metade será necesaria unha pontona que permita instalalos desde o mar. Para iso empregarase unha grúa de máis de 500 toneladas e unha pontona para mínimo 1.000 toneladas). A aportación dos bloques está calculada de xeito que afronte os rebases de onda pese ao incremento esperable do nivel do mar debido ao cambio climático, no horizonte 2100.
A actuación mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan nun porto con preto dun centenar de embarcacións censadas, que se sitúa entre os primeiros peiraos de titularidade autonómica en descarga de peixe fresco e cuxo valor de venda é o maior da comunidade. Así mesmo redundará nunha mellora das condicións de operatividade para os barcos de mercadorías que cargan e descargan no porto burelés, fundamentalmente madeira.