O primeiro premio foi para Izaro Garro de Gamarra ( Vitoria), mentres que Paula Álvarez de CIFP Vilamarín (Ourense) alzouse co segundo premio e Ángela Roque, do IES Sanxillao de Lugo, co terceiro
Foz, 20 de febreiro de 2025. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na entrega de premios do XVII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalaría do IES de Foz, ao que felicitou por este certame, que é un referente na Península Ibérica na FP de Hostalaría. “Isto é posible grazas á profesionalidade dos docentes e á implicación deste centro”, destacou a representante da Xunta de Galicia.
Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recordou que o instituto focense imparte ata cinco títulos desta familia profesional, en concreto o ciclo de grao básico en Cociña e restauración, medio en Cociña e gastronomía e en Servizos en restauración, así como os superiores en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración. “A experiencia do IES de Foz nas diferentes ensinanzas vencelladas o sector converte este certame nunha cita imprescindible ano tras ano”, afirmou.
Nesta edición o primeiro premio foi para Izaro Garro de Gamarra ( Vitoria), mentres que Paula Álvarez de CIFP Vilamarín (Ourense) alzouse co segundo premio e Ángela Roque, do IES Sanxillao de Lugo, co terceiro.
Ademais do concurso de baristas para estudantes, celébrase o XIII Campionato de Cata de Café e o XI Campionato de Baristas para profesionais. O gañador do certame de estudantes poderá participar no de profesionais e medirse así con verdadeiros expertos na materia. Entre os tres certames participan alumnos e profesionais de Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Murcia, Navarra, País Vasco e Portugal, o maior número de comunidades autónomas implicadas na historia do concurso.