Lugo, 12 de febreiro de 2025. A Xunta entregou unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro no concello de Vilalba. O inmoble está situado na rúa da Roxeira, ten unha superficie duns 65 metros cadrados e conta con dous dormitorios, praza de garaxe e rocho.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, fixo este mércores entrega das chaves á nova adxudicataria do inmoble e lembrou que para optar ás vivendas de promoción pública autonómica hai que inscribirse no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. As solicitudes poden efectuarse a través da sede electrónica da Xunta ou de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
“Unha das prioridades do Goberno galego é facilitar o acceso a un fogar ás persoas que o demandan e o necesitan, e con ese fin estamos a impulsar unha serie de proxectos e iniciativas, como é a posta a disposición dun parque público de vivendas en alugueiro da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para os colectivos e unidades familiares con maiores dificultades de acceso”, explicou Arias.