O delegado territorial, Javier Arias, explica que o obxectivo é facilitar os desprazamentos das persoas con insuficiencia renal crónica, que teñen que visitar con moita frecuencia os centros asistenciais para realizar o tratamento
Lugo, 21 de febreiro de 2025. A Xunta destina 672.880 euros a colaborar coa Asociación de Enfermos de Ril (Alcer) Lugo no traslado dos pacientes que reciben tratamento de hemodiálese dende os seus domicilios ata os centros asistenciais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe a sede da entidade, onde explicou que a Consellería de Sanidade acaba de asinar un novo convenio co colectivo para cooperar nestes desprazamentos. O acordo ten unha duración dun ano, prorrogable por anualidades ata tres anos máis.
Esta medida beneficiará aos pacientes con insuficiencia renal crónica que reciben tratamento nos centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na provincia. Os traslados poderán ser en taxi ou en ambulancia, se así o require a súa condición clínica.
Arias subliñou que Lugo é a única provincia galega con este servizo, que busca dar facilidades a todos os pacientes que teñen que desprazarse con alta frecuencia aos centros asistenciais a recibir terapia de hemodiálese. “Deste xeito ofrécese unha atención personalizada que axuda a mellorar a calidade de vida destas persoas con independencia da zona na que residan”, apuntou.
Afirmou que a Xunta está a traballar co obxectivo de que este tratamento sexa cada vez máis accesible para os afectados. Así, a Consellería de Sanidade comezou a implantar a diálese domiciliaria na Comunidade e pretende ampliar a súa cobertura.
Segundo os datos do ano 2023, este programa de desprazamentos sanitarios de Alcer na provincia lucense traslada unha media mensual de 161 pacientes, realiza 53 rutas e fai unha media 67.741 quilómetros cada 30 días.