Alfonso Villares destacou a importancia do investimento no peirao autonómico con maior volume de negocio de Galicia en venta de peixe en lonxa, con preto de 60 millóns anuais, e no que teñen base un centenar de embarcacións
O conselleiro remarcou o esforzo inversor da Xunta de Galicia para mellorar as condicións de traballo dos profesionais que operan nun porto con preto dun centenar de embarcacións censadas, que se sitúa entre os primeiros peiraos de titularidade autonómica en descarga de peixe fresco e cuxo valor de venda é o maior da comunidade. Así mesmo, subliñou, redundará nunha mellora das condicións de operatividade para os barcos de mercadorías que cargan e descargan no porto burelés, fundamentalmente madeira.
Segundo explicaron os técnicos presentes na visita, as obras consisten no aporte de 160 bloques de formigón de 3 metros de lado e 56 toneladas de peso nas zonas nas que se teñen producido desprendementos ou o dique perdeu estrutura por acción do mar e as adversidades climatolóxicas. Os traballos terán un prazo de execución estimado de 22 meses, polo que se prevé que a actuación quedaría rematada a finais de 2026.
Horizonte 2100
Durante a visita, o equipo técnico de Portos de Galicia explicou tamén que a metade dos bloques poderán ser colocados desde terra e para a outra metade será necesaria unha pontona que permita instalalos desde o mar. Para iso empregarase unha grúa de máis de 500 toneladas e unha pontona para mínimo 1.000 toneladas. Neste sentido, remarcaron que a aportación dos bloques está calculada de xeito que afronte os rebases de onda pese ao incremento esperable do nivel do mar debido ao cambio climático, no horizonte 2100.