Daniel García e Iria Castro reuníronse coa organización do festival, que perfilou a súa proposta para este ano
A deputada de Cultura Iria Castro e o deputado de Mocidade Daniel García reuníronse esta mañá coa asociación organizadora para valorar a colaboración mantida na pasada anualidade e avanzar na proposta de cara á terceira edición.
Asi, no encontro, incidiron no éxito do mercadiño de produtos de proximidade ou na proxección que supuxo a actuación no festival para o rapeiro da Limia Kid Mount, e bosquexaron as liñas do próximo cartel no que manterán a aposta en artistas emerxentes e nas músicas urbanas que incorporan ritmos tradicionais.
A organización formulou como obxectivos para a vindeira edición chegar a un público máis interxeneracional e lograr un crecemento sostible, respectuoso coa vida e os ritmos de Ribadeo.
Daniel García e Iria Castro trasladáronlles o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para seguir avanzando no programa da terceira edición e valoraron a iniciativa da organización por consolidar o festival, mantendo unha plataforma para a música en directo e contribuíndo á dinamización cultural de Ribadeo.