Burela, 11 de febreiro, 2025. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela presenta este venres 14 de febreiro o seu documental “A posta en valor da pesca en Burela” co obxectivo de dar a coñecer a importancia e o impacto do sector pesqueiro na economía local, no emprego, na integración social e cultural.
A proxección terá lugar a partir das 18:00 no salón de actos de ABSA nun acto aberto ao público, que estará presidido polo conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e a alcaldesa de Burela, Carmela López.
No documental participan unhas 50 persoas entre armadores, mariñeiros de diferentes nacionalidades, traballadores de ABSA e representantes doutros sectores e empresas vinculadas coa pesca e que representan a toda a cadea de valor.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.