O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros ou entidades que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2025 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, quixo recoñecer con esta distinción o vencello histórico que une a Editorial Galaxia e os seus fundadores co escritor mindoniense, pois foi neste selo editor onde veu a luz a meirande parte da súa obra e aínda hoxe continúa a publicarse.
A comisión que elixiu a Editorial Galaxia como entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 por maioría estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Claudio Rodríguez Fer (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Xuventude), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (arqueólogo municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).
A Editorial Galaxia, que neste 2025 celebra o 75 aniversario da súa fundación, tivo un papel decisivo na recuperación literaria de Cunqueiro na Posguerra, pois nela apareceron algúns dos títulos maiores do autor, como Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960) ou Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) e, xa nos derradeiros anos do escritor, Xente de aquí e acolá (1971), Os outros feirantes (1979) e a súa Obra en galego completa (1980). En tempos recentes, reeditou tamén todos estes títulos e outros na Biblioteca Álvaro Cunqueiro, aos que sumou compilacións da súa poesía, teatro e articulística e, na súa división de Mar Maior, a reedición de El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, a versión castelá Merlín y familia e mais Vida y fugas de Fanto Fantini.
De por parte, esta distinción á Editorial Galaxia quere ser tamén un recoñecento a persoeiros esenciais para esta entidade, como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto ou Domingo García-Sabell, quen dende os seus inicios apoiaron a escrita e a proxección autorial de Álvaro Cunqueiro.
Coa designación da Editorial Galaxia como entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 (que inclúe placa conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros.