Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación emitiu en directo os Campionatos de Baristas de Foz como práctica do alumnado de Audiovisuais

Con esta colaboración a Deputación tamén contribúe a promocionar A Mariña e Foz, xa que o municipio mariñán é un referente en España para Escolas de Hostalería e expertos do mundo do café

Lugo, 20 de febreiro de 2025. A Deputación de Lugo colabora un ano máis co IES de Foz na difusión dos Campionatos Internacionais de Baristas, que comezaron este mércores e rematarán mañá venres coa competición dos baristas profesionais. O alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial é o encargado de emitir en directo, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais, os tres días de probas.

A Deputada de Economía, Carmela López, e o Alcalde de Foz e Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, participaron este xoves na entrega de premios do XVII Concurso Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, no que participaron 19 centros de España e Portugal. Izaro Garro, do CIFP Gamarra de Vitoria- Gasteiz, foi a gañadora desta edición. En segunda posición quedou Paula Álvarez, do CIFP Vilamarín de Ourense, e en terceiro lugar, Ángela Roque, do IES Sanxillao de Lugo.

Como nun programa de televisión en directo

Unha ducia de alumnos e alumnas de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, acompañados por docentes e técnicos do Servizo de Audiovisuais, son os encargados da emisión en directo das tres xornadas dos Campionatos dentro da súa formación práctica en escenarios reais. Empregan varias cámaras e todo o material preciso na realización dun programa de televisión en directo. Cada estudante rota por todos os postos, como os de realización ou operador de cámara. Ademais, son os responsables do son e dos rótulos, entre outras tarefas.

Campionato de Baristas Profesionais en directo mañá

Mañá venres o alumando da Deputación encargarase do streaming, a partir das 9:00 horas, do X Campionato Internacional de Baristas Profesionais. Desta volta competirán oito baristas profesionais, aos que tamén se sumará a gañadora de hoxe na proba de Escolas de Hostalería.

Ademais da formación práctica e da difusión dos campionatos, con estas retransmisións a Deputación contribúe a promocionar A Mariña e Foz fóra de Galicia, xa que o municipio mariñán é un punto de referencia para Escolas de Hostalería, estudantes, profesionais e expertos do mundo café, e estas competicións suscitan moito interese entre este colectivo.

Exit mobile version