A Mariña, 28 de febreiro, 2025. A CIG vén de convocar sete xornadas de folga en Vestas Eólica en demanda de condicións laborais e salariais dignas e en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo pola postura inmobilista da empresa. A folga afecta a todos os traballadores e traballadoras dos centros que Vestas ten en Galiza (A Coruña, Viveiro e A Estrada) e desenvolverase os días 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de marzo, das 00h ás 24h.
Coincidindo co primeiro día de paro, a CIG tamén ten convocada unha concentración nas instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro.
Despois de diversas reunións coa empresa, que manobrou para esgotar os prazos e tentar que o convenio decaia, as conversas están estancadas porque a dirección teima nunha “non negociación”. “A actitude da empresa é de imposición, presentándonos unha proposta de peche sen ter negociado nada, polo menos cos sindicatos que non temos a maioría”.
Os delegados da CIG denuncian que Vestas Eólica busca recortar dereitos e afondar no deterioro das condicións laborais “cun convenio que empeora o anterior e que, ao igual que no pasado, volvería provocar a perda do poder adquisitivo dos nosos salarios”.
Fronte a isto, para este III Convenio de Vestas Eólica (que regula o conxunto do persoal empresa no Estado español) a CIG reclama melloras salariais, manter beneficios sociais como a flexibilidade para o persoal de oficina, que haxa unha revalorización salarial para o persoal de campo, a contención e redución das xornadas anuais, e melloras nas gardas, os reténs e as horas TOD – Tempo Ordinario Dispoñíbel-.
Así mesmo, que a flexibilidade teña un carácter voluntario e que estea remunerada de acordo co esforzo que implica para as persoas traballadoras e os problemas que carrexa para a conciliación da vida laboral e familiar, nun sector no que, ademais, son frecuentes os desprazamentos fóra da propia provincia.
Estas propostas, apunta a representación da CIG, son perfectamente asumíbeis pola empresa, tendo en conta que nos anos 2023 e 2024 obtivo beneficios. Por iso, reclámanlle á dirección que presente propostas sobre as que realmente se poida negociar e que garanta unhas condicións de traballo e salariais dignas.