Con este afán persecutorio “preténdese acurtar as baixas médicas e reducir os períodos de recuperación dos traballadores e as traballadoras”, denuncia o secretario comarcal, Antonio Niño. Critica esta situación “de absoluta inxustiza” á que se ven sometidas moitas persoas, cando ademais se atopan nunhas condicións de especial vulnerabilidade, e rexeita que a inspección antepoña os criterios “puramente economicistas aos criterios médicos”.
Niño incide na existencia dun mandato político para tramitar altas indiscriminadamente e acurtar os períodos de baixas, “que se está aplicando ao milímetro”. E apunta que a problemática se agrava na provincia de Lugo pola elevada idade medida da poboación asalariada, que supera os 51 anos. “Canto máis maior é a poboación máis incidencias na saúde hai, parece de lóxica”, salienta Niño.
Criminalizar as persoas traballadoras por estaren enfermas
Advirte que os discursos alarmistas sobre o absentismo laboral e anuncios como da Xunta de Galiza gabándose dun plan especial para dar altas masivas, buscan criminalizar as persoas traballadoras por estaren enfermas, sen pór o foco nas precarias condicións de traballo e a falta de medidas preventivas que están na orixe destas baixas; nin actuar ante a propia inoperatividade do sistema á hora de facer probas, realizar o diagnóstico e iniciar os tratamentos, despois de anos de recortes nos servizos públicos.
Xunto a isto, o secretario da CIG de Lugo-A Mariña alerta dun aumento na demora da resolución das incapacidades dándose situacións de persoas “quedan na ambigüidade porque esgotaron todos os prazos sen ter resolución do INSS”, e de atrancos no recoñecementos de determinadas doenzas como enfermidades profesionais ou accidentes de traballo.
“Precisamente quen debería velar pola saúde das persoas traballadoras é quen as deixa na total indefensión”, rexeitou. Aínda que este problema é máis notábel naqueles sectores con maior incidencia das baixas polo esforzo físico que teñen que realizar, como a construción ou as actividades de coidados (axuda no fogar, residencias, etc.), a dilixencia á hora de dar altas afecta ao conxunto da clase traballadora.
Estas prácticas, denuncia, súmanse aos abusos cometidos a diario polas mutuas, ás que agora se lles quere ampliar o ámbito de actuación para que podan xestionar os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas. Algo ao que a CIG se opón frontalmente porque supón avanzar na privatización da sanidade pública e porque constitúe un ataque directo ao dereito á saúde das persoas traballadoras.