A primeira actividade será o curso de iniciación á ilustración, que comezará o 6 de marzo e impartirase os xoves de 16:30 a 19:00 horas, mentres que o curso de introdución á sostenibilidade e á economía circular dará inicio o mesmo día e desenvolverase tamén os xoves, de 17:00 a 19:30 horas. “A oferta formativa da UNED de Foz abrangue un amplo abano de temáticas e públicos, desde persoas cunha especialización concreta ata aquelas que simplemente queren explorar novos coñecementos sen ningún límite de idade. Animamos á cidadanía a non poñer barreiras á súa curiosidade e aproveitar estas oportunidades únicas”, indica Elena Martínez, concelleira da área.
O 10 de marzo dará comezo o curso para opositores sobre nocións fundamentais sobre a Constitución Española de 1978 e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas (2ª edición), que se desenvolverá do 10 ao 17 de marzo, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Esta formación está dirixida a aquelas persoas que se están preparando para oposicións e desexan reforzar os seus coñecementos en lexislación básica.
Por último o 24 de marzo dará comezo a formación sobre estrés permanente: o esgotamento disfrazado de rutina, o prezo da túa saúde, que impartirá Alba Burundarena, psicóloga e psicoterapeuta, os luns de 15:30 a 20:30 horas. Este curso busca dotar aos participantes de ferramentas para identificar e xestionar o impacto do estrés na súa vida cotiá.
A actividade cultural proposta para este mes de marzo será o martes, día 11 de marzo ás 19:00 horas. A Casa da Cultura Salgado Toimil de Foz acollerá a presentación do caderno Flores de primavera de O Valadouro, coa participación do seu autor, Pedro Rolle, e do fotógrafo Carlos Cornide. “Esta actividade reforza a colaboración co autor, quen o pasado curso guiou unha ruta interpretativa sobre flora, e esperamos poder contar coa súa dirección para organizar unha nova saída para identificar algunhas das especies recollidas na publicación”, sinalou Marta Muiña, coordinadora da Aula Universitaria.
“As actividades de extensión universitaria da UNED en Foz buscan ser un recurso accesible e de calidade para toda a comunidade. Convidamos á cidadanía a participar nestas propostas formativas, que combinan coñecemento teórico cunha aplicación práctica directa en distintos ámbitos. Tamén aproveitamos para recordar que o período de matrícula para este segundo semestre está actualmente aberto e que a Aula está á disposición de todos para calquera consulta ao respecto”, concluíu Marta Muiña.
Para máis información e inscricións as persoas interesadas poden contactar coa Aula Universitaria da UNED en Foz a través das súas canles habituais, a consulta da web oficial da UNED (www.uned.es) ou o contacto a través do correo foz@lugo.uned.es e os teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549.