Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Loita Contra o Cancro de Ribadeo contará cun local para o desenvolvemento do seu traballo

Ribadeo, 4 de febreiro de 2025. A Asociación de Loita Contra o Cancro de Ribadeo contará cun local para o desenvolvemento do seu traballo. Trátase dun baixo que lle cede o Concello e que rehabilitará a Consellería de Sanidade. Así llo explicou o alcalde, Dani Vega, ao presidente provincal da AECC, José Manuel Rozas, na visita cursada a Ribadeo.

O rexedor contou que “hoxe recibimos ao presidente da Asociación de Loita contra o Cancro, unha asociación de ámbito nacional, con presenza tanto en Lugo provincia como na nosa localidade, en Ribadeo. Quero agradecer a José Manuel Rozas a súa visita, todo o traballo que vai desenvolver e xa tivemos as primeiras propostas aquí en Ribadeo”.

Vega destacou “a gran labor que fai a asociación aquí en Ribadeo, unha labor continua, unha labor empeñada en loitar contra esta enfermidade, contra o cancro. Desde que chegamos ao goberno colaboramos sistematicamente con elas e agora propuxémoslles que tiveran un local e por iso lles vamos ceder un baixo que temos na Avenida de Asturias. A Consellería de Sanidade será a encargada de realizar a súa mellora e a partires de aí van desenvolver toda unha actividade nese local”.

O alcalde engadiu: “e tamén haberá atención para esas persoas que teñen a enfermidade do cancro. Vai haber unha atención a todas esas persoas. E coordinaranse entre a asociación provincial e a asociación local. Por iso, moitas grazas. Un gran paso demos hoxe cedéndolles ese local para que fagan a súa actividade. E iremos colaborando naquelas propostas que nosoutros entendemos que son necesarias para loitar contra o cancro”.
O Concello de Ribadeo tinguiuse de verde na tarde noite de onte para conmemorar o Día Mundial de Loita contra o Cancro.

Exit mobile version