Viveiro, 6 de febreiro, 2025. O venres 14 de Febreiro instalarase na Praza Maior unha carpa onde estará localizada a “Ruleta do Amor” que repartirá uns premios moi amorosos valorados en máis de 2.000€. Sortearanse ceas románticas, masaxes en parella, botellas de espumoso rosado galego “Brinde de Rosas”, caixas doces, paraugas personalizados, tote bags, entradas de cine dobres, e vales de 5€ para gastar en calquera dos negocios asociados ó CCHV.
Unha morea de premios para premiar a fidelidade dos clientes do comercio local.
O horario será de 11:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:00 ou ata esgotar os premios (fixando como horario máximo as 20:00 horas)
Os interesados poderán participar entregando tíckets de compra de calquera dos negocios asociados ó CCHV, cun importe mínimo de 20€. Por cada 20€ en compras terase dereito a unha tirada na ruleta, fixando un Máximo de 6 tiradas seguidas, e se queda algunha tirada pendente porase de novo na cola para voltar a tirar.
Permitirase a acumulación de varios tíckets de cantidades inferiores ata sumar os 20€, e a data válida dos tíckets de compra poderá ser dende o venres 7 ó venres 14 de febreiro de 2025.
Realizaranse as tiradas por estrito orde de chegada, unha vez comprobada a validez dos tíckets (negocio asociado, data e importe). As casillas da ruleta conteñen distintos premios e segue mercando. Se se cae nesta última casilla non hai opción a premio.
A finalidade deste concurso é a promoción da campaña de San Valentín en Viveiro, potenciar a compra no comercio local, facer un sorteo divertido e de paso botar unha man a todos aqueles despistados/as que se lles pase o detalliño destas datas, e así podelo solucionar con algúns destes premios.
Ó longo deste dias ambientaranse as rúas con música romántica a través do fío musical instalado por todo o centro de Viveiro. Anímase á xente a participar no sorteo, mercar en Viveiro, pasear polas rúas desfrutando do seu ambiente, do bo tempo e da nosa hostalaría.
Porque en Viveiro, “Namorámonos do comercio local”, un comercio profesional e cun trato persoal, e sobre todo un comercio que da vida á nosa vila.
Con esta iniciativa téntase dinamizar esta data comercial importante para o comercio local, poñendo en marcha iniciativas e premios para agradecer a fidelidade dos clientes, e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos.