Asistirán a alcaldesa e Jesús Fernández, segundo tenente de alcaldesa, concelleiro do Mar e representante de Viveiro na Rede Europea de Semana Santa
Viveiro, 18 de xaneiro de 2025. O Concello de Viveiro estará presente en FITUR co fin de promocionar e dar a coñecer o seu potencial turístico, grazas aos atractivos naturais, históricos e culturais da vila.
Asistirán a alcaldesa, María Loureiro, e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, que acudirán a diferentes actos da Feira de Turismo máis importante de España e teñen pechadas varias reunións de traballo con turoperadores e empresas do sector.
“É moi satisfactorio ver que o traballo realizado desde o concello desde hai anos ten resultados; Viveiro é un destino turístico moi demandado e que provoca interese en toda Europa pola nosa historia, a Semana Santa, a natureza, o patrimonio e a nosa gastronomía”, asegura María Loureiro.
Ademais das reunións con varios turoperadores, manterán en Fitur un encontro cunha empresa especializada en promoción do turismo a través de IA e tecnoloxía, co fin de intercambiar ideas e posibles novos proxectos neste ámbito.
Loureiro e Fernández tamén estarán presentes na presentación da guía anual ‘…E para comer, Lugo’, editada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.
Outra cita importante será o encontro en Fitur da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua. A Rede, á que pertence o Concello de Viveiro, creouse en 2019 “e o seu obxectivo é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa a través de accións que poñan en valor este patrimonio”, engade María Loureiro.
Outra presentación con protagonismo para Viveiro será ‘El Camino a Vela’. A travesía Navega el Camino, que ten como obxectivo impulsar a navegación a vela como unha forma de facer o Camiño de Santiago, recalou en Viveiro en numerosas edicións, organizando por parte do concello diversas actividades para os seus participantes.
Fitur acollerá por outra parte a presentación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa súa nova campaña de comunicación ‘A Mariña Latexa contigo’, da Feira Expomar 2025 de Burela, e da nova campaña de promoción turística da Deputación de Lugo.
Por último, asistirán á gala NocheQ 25, que terá lugar na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles e que organiza o Instituto para la Calidad Turística Española (ICTES). No transcurso da gala, a alcaldesa de Viveiro recibirá, novamente, a renovación da marca Q Calidad Turistica, concedida para a praia de Area.