Naquela reunión, a directiva da protectora informou que non continuarían coa súa labor e solicitou ao Concello que asumise a xestión da situación, dando un prazo para que o Concello atopase unha solución e notificando que non acollerían novos animais.
Co obxectivo de garantir o benestar animal e asegurar a continuidade do servizo, a Tenencia de Alcaldía xestionou e formalizou un novo convenio o 20 de setembro de 2024 coa protectora Garatuxa que asumiu estas funcións.
Este acordo permite ofrecer unha resposta rápida e eficaz ante incidencias relacionadas co abandono de animais, promovendo sempre o seu respecto e protección.
Estudouse tamén a posibilidade de crear unha protectora de animais propia, pero os elevados requisitos técnicos, a falta de fondos suficientes e a inexistencia dunha asociación que puidese encargarse da súa xestión, antes a disolucion de Gadoupas, fixeron que esta opción non fose viable nese momento.
Xa que Gadoupas notificou a súa disolución e para evitar a duplicidade de gastos públicos, prescindiuse de seguir pagando desde o Concello as instalacións alugadas que ocupaba a protectora Gadoupas para tal fin.
En cumprimento do novo convenio, organizouse a transferencia dos tres animais que se atopaban en custodia, pero Gadoupas non aceptou trasladar os cans á nova protectora.
Actualmente o servizo está en pleno funcionamento e xa o leva a nova protectora Garatuxa. O feito de ter asinado este convenio cunha protectora permitirá que por primeira vez se poda optar ás subvencións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados.
Para informar sobre a presenza de cans abandonados, as persoas interesadas deben chamar ao 112. Desde este servizo, a incidencia será derivada ao Concello que se encargará de xestionar a recollida e coidado do animal abandonado.
Neste ano e medio, desde a Tenencia, ademais de xestionar os cans abandonados, deuse resposta á demanda histórica de poder contar unha praia de uso compartido con mascotas en Viveiro, unha nova Ordenanza para mellorar a convivencia entre veciñanza e animais domésticos e colaboración con Colonias Rueiras para a xestión de colonias felinas.
A Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso co benestar animal e segue traballando para que os servizos de atención a animais abandonados sexan adaptados ás necesidades do municipio, eficientes e responsables.
“Queremos aproveitar esta oportunidade para agradecer o inestimable traballo realizado pola asociación Gadoupas, cuxa dedicación e compromiso foron fundamentais na protección e coidado dos animais no noso Concello”, sinalan dende a Tenencia de Alcaldía.