“Cada vez hai máis xente interesada no que Viveiro ten: natureza, paisaxes, historia, patrimonio e boa gastronomía”, asegura María Loureiro
Viveiro, 24 de xaneiro de 2025. O Concello de Viveiro pechou hoxe a súa presenza en FITUR para promocionar e dar a coñecer o seu potencial turístico, grazas aos atractivos naturais, hstóricos e culturais da vila.
Asistiron a alcaldesa, María Loureiro, e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, que acudiron a diferentes actos da Feira de Turismo máis importante de España.
“Desde a pandemia, os destinos de natureza e descanso teñen moita demanda e aí Viveiro está cada vez mellor posicionada”, explica a alcaldesa. “Estamos ademais recollendo os froitos a moitos anos de traballo de promoción por toda Europa”, engade.
Ademais das reunións con varios turoperadores, Loureiro mantivo en Fitur un encontro cunha empresa especializada en promoción do turismo a través de IA e tecnoloxía, coa que xa colaborou o concello anteriormente, para falar de novos proxectos neste ámbito.
“Todos os concellos temos que dixitalizar a nosa oferta e apostar por temas como a realidade aumentada”, afirma a alcaldesa de Viveiro.
O concello formou parte en Fitur da presentación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa súa nova campaña de comunicación ‘A Mariña Latexa contigo’, da Feira Expomar 2025 de Burela, e da nova campaña de promoción turística da Deputación de Lugo.
Outra cita importante foi o encontro en Fitur da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua. Por último, Jesús Fernández asistiu á gala NocheQ 25, no que recibiu a renovación da marca Q Calidad Turistica, concedida para a praia de Area.