Viveiro, 2 de xaneiro de 2025. O vindeiro domingo, 5 de xaneiro, Viveiro acollerá a súa tradicional Cabalgata de Reis, unha das citas máis esperadas do Nadal. Virá acompañada doutras actividades pensada para todos os públicos.
A xornada comezará ás 12:00 horas co Roteiro de Nadal no tren turístico Vivertren, que sairá da estación de autobuses. A actividade será de entrada libre ata completar aforo.
A gran cita do día, a Cabalgata de Reis Magos, arrancará ás 17:30 horas dende a Piscina Municipal, en Celeiro. O percorrido da Cabalgata incluirá o Paseo Marítimo en Celeiro, Covas, a Variante, a Avenida de Ferrol e a Travesía da Mariña.
A Cabalgata chegará á zona vella de Viveiro pola Porta de Carlos V, e os nenos e nenas participantes na cabalgata baixarán á Fonte de Area. A chegada dos Reis Magos á Praza Maior está prevista para as 20:00 horas, e dende ás 18:00 haberá animación musical na mesma praza.
Un ano máis existirá a posibilidade de que os nenos e nenas viaxen tamén no Vivertren, que acompañará a cabalgata. Non será necesaria inscrición previa, pero os nenos e nenas deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
Despois da súa chegada, as súas maxestades dirixiranse ao público dende o balcón da Biblioteca Municipal, onde ademais seguirán repartindo caramelos. Posteriormente, serán recibidos de xeito oficial na Sala Multiusos, onde se reunirán persoalmente cos nenos e nenas.