Xermade, 25 Xaneiro, 2025. Un grave accidente de tráfico entre dous turismos, rexistrado esta tarde no quilómetro 39 da LU-540, na parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade, deixou unha persoa falecida e catro feridas, tres delas en estado grave.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu o aviso ás 15:00 horas, a través de chamadas de varios particulares que alertaban do sinistro. Os testemuños indicaban que no interior dun dos vehículos, onde viaxaban catro persoas, podería haber ocupantes atrapados. No outro turismo implicado viaxaba unicamente o condutor.
De inmediato, desde o 112 Galicia activouse un amplo dispositivo de emerxencias, no que participaron os servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil.
Os Bombeiros tiveron que excarcerar a dúas persoas atrapadas nun dos vehículos. Lamentablemente, o condutor perdeu a vida no sinistro, mentres que o copiloto, en estado grave, foi trasladado de urxencia en helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Ademais, os outros dous ocupantes deste mesmo turismo tamén resultaron feridos graves e foron evacuados ao centro hospitalario de referencia.
O condutor do outro vehículo implicado sufriu lesións menos graves e tamén precisou atención sanitaria e o seu posterior traslado.
O operativo mobilizado traballou intensamente tanto para atender ás vítimas como para restablecer as condicións de seguridade na vía.