Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 125 empresas da provincia de Lugo beneficiáronse o pasado ano das axudas do Bono Enerxía Peme

Hoxe abre o prazo de solicitude das achegas da quinta edición deste programa, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros

Lugo, 17 de xaneiro de 2025. A Xunta abre hoxe o prazo para que as pemes e autónomos do sector servizos soliciten as axudas do programa Bono Enerxía Peme, orientado a financiar actuacións de mellora enerxética nos centros de traballo.

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitaron na cidade de Lugo un dos negocios beneficiarios na convocatoria de 2024, o restaurante España, que accedeu a estes apoios para instalar un novo equipo de climatización.

No conxunto da provincia, 125 empresas – 39 da capital – sumaron case 550.000 euros en axudas o ano pasado para acometer actuacións de aforro enerxético con cargo a estes incentivos.

As achegas cobren a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación da iluminación interior ou exterior – incluídos rótulos e escaparates – por outros sistemas que empreguen tecnoloxía LED; a mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipos consumidores de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou frigoríficos sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; así como sistemas domóticos ou inmóticos que permitan xestionar o gasto enerxético de forma máis eficiente. Tamén se mantén a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.

Segundo explicaron os dous responsables autonómicos, as solicitudes poden presentarse ata o día 25 de xuño. Trátase dunha convocatoria en concorrencia non competitiva, polo que as axudas concédense por orde de solicitude sempre e cando se cumpran os requisitos esixidos.

As contía da subvención será do 80% do custo da actuacións ata un máximo de 6.000 euros. O programa, xestionado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acada a súa quinta edición e conta cun orzamento total de 2,5 millóns de euros.

Exit mobile version