José Tomé Roca felicitou este sábado, xunto ao Alcalde fonsagradino, Carlos López, aos gañadores desta carreira de Montaña na que participaron 750 deportistas nas diferentes modalidades: unha andaina e tres probas competitivas
Lugo, 25 de xaneiro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou xunto ao Alcalde da Fonsagrada e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, na entrega de premios da terceira edición do Trail Terras de Burón que se celebrou este sábado neste municipio da Montaña. A institución provincial colabora co club fonsagradino que organiza esta cita, na que participaron uns 750 deportistas.
Tomé Roca felicitou ás persoas gañadoras e trasladou tamén os parabéns a todos os participantes das probas, unha andaina de 15 quilómetros e tres competitivas: o Trailiño, cunha distancia de 18 quilómetros e un desnivel positivo de 1.000 metros; o Trail das Seimeiras, que acumulaba un desnivel de 1.650 metros nos 30 quilómetros de percorrido; e a Maratón das Seimeiras, a máis esixente para os corredores, con 40 quilómetros e 2.200 metros acumulados de desnivel. “Cada un de vós é un exemplo de esforzo e superación”, sinalou o mandatario provincial.
“Os datos de participación reflexan que este evento segue medrando”, sinalou o Presidente, para quen a cita conseguiu asentarse “completamente” no calendario deportivo da provincia. Algo que valorou positivamente porque segundo explicou “repercute positivamente na economía local e na promoción da Fonsagrada e da comarca da Montaña”.
Este evento deportivo, coñecido tamén como o Trail de Inverno, supera o número de participantes respecto ás dúas edicións pasadas nos anos 2023 e 2024, nas que se rexistraron 350 e 700.