Ribadeo, 31 de xaneiro de 2025. Teatro do Noroeste representa a obra titulada Guerra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, en Ribadeo este domingo, día 2 de febreiro. Será no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:00 horas.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, subliña que “foi estreada en Santiago e Ribadeo é o segundo lugar no que se vai representar. Trátase dunha obra de gran formato dunha das mellores compañías de Galicia, que conta cun elenco de actores moi importantes”.
A sinopse é a seguinte: nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo nunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo e encarnadas en dous actores e catro actrices. As innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare ata Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución.
Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez son os intérpretes de Guerra, que conta coa dirección musical de Bernardo Martínez, a escenografía e o vestiario de Carlos Alonso e a produción de Eva Alonso.