Inés López Couto engade: “supoñemos que estarían a revisar estes días o expediente da residencia e que valorarían a complexidade do mesmo, polo que decidiron non seguir adiante. Despois de tombar o traballo de ano e medio do noso grupo cun cambio de opinión ao final do proceso, optaron por non querer liderar o modelo que eles propoñían. Non vamos entrar a valorar os insultos e descualificacións que se verten nas súas declaracións, porque levamos así desde o día da investidura, no que xa enviaran unha nota de prensa dese mesmo estilo”.
Ademais o grupo municipal socialista anuncia: “en canto renuncien de forma oficial, anunciaremos o reparto destas áreas entre os concelleiros do noso grupo. Foron moitos meses de cambios de opinións, desde a investidura, cando anunciaran que ían estar na oposición, e finalizando co viro radical na residencia. Eles falan de irracionalidade, nós cremos que o irracional é o cambio de postura dos últimos meses aliándose co PP. Vemos aquí unha posible estratexia para distanciarse do goberno e romper pontes por cálculo electoral. É importante gobernar e xestionar con coherencia” .
“Esperamos unha oposición construtiva por parte do BNG e afastada das posicións do Partido Popular, que son absolutamente destrutivas para o pobo. Nós continuaremos traballando por mellorar Foz desde a xestión, como facemos sempre”, remata López Couto.