Foz, 12 de xaneiro de 2025. O grupo municipal socialista de Foz coñeceu onte, sábado, á tarde pola prensa a decisión do BNG de abandonar as súas competencias e por conseguinte deixar o goberno municipal. “A primeira reacción foi de sorpresa xa que non tiñamos coñecemento deste feito. Incluso o alcalde intercambiou mensaxes co voceiro do BNG polo expediente do plan deputación este mesmo venres”, explica a voceira do grupo socialista, Inés López Couto, e continúa: “respectamos a súa decisión, obviamente, e entendemos que gobernar é difícil e hai que enfrontarse a moitas cousas”.
Inés López Couto engade: “supoñemos que estarían a revisar estes días o expediente da residencia e que valorarían a complexidade do mesmo, polo que decidiron non seguir adiante. Despois de tombar o traballo de ano e medio do noso grupo cun cambio de opinión ao final do proceso, optaron por non querer liderar o modelo que eles propoñían. Non vamos entrar a valorar os insultos e descualificacións que se verten nas súas declaracións, porque levamos así desde o día da investidura, no que xa enviaran unha nota de prensa dese mesmo estilo”.
Ademais o grupo municipal socialista anuncia: “en canto renuncien de forma oficial, anunciaremos o reparto destas áreas entre os concelleiros do noso grupo. Foron moitos meses de cambios de opinións, desde a investidura, cando anunciaran que ían estar na oposición, e finalizando co viro radical na residencia. Eles falan de irracionalidade, nós cremos que o irracional é o cambio de postura dos últimos meses aliándose co PP. Vemos aquí unha posible estratexia para distanciarse do goberno e romper pontes por cálculo electoral. É importante gobernar e xestionar con coherencia” .
“Esperamos unha oposición construtiva por parte do BNG e afastada das posicións do Partido Popular, que son absolutamente destrutivas para o pobo. Nós continuaremos traballando por mellorar Foz desde a xestión, como facemos sempre”, remata López Couto.